Monday 06 de May de 2024

O Concello de Fene avalía as propostas técnicas para reparar o acceso principal ao campo de fútbol de Perlío e o Camiño de Mundín


As licitadoras tiveron até o pasado 17 de abril para presentar as súas ofertas

Ambas obras, orzamentadas nun montante total de 162.000 euros, fináncianse con cargo ao POS+ provincial

A plataforma de contratación do Concello de Fene aparece encabezada estes días con dous proxectos viarios licitados pola Administración local que arestora se encontran na fase de avaliación técnica e económica das propostas recibidas, como paso previo á adxudicación provisional de cada un deles. Trátase da mellora dun dos accesos principais ao campo de fútbol de Perlío, que comprenderá o arranxo con aglomerado de tres tramos entre o estadio e o camiño de Loira (Barallobre) -cifrados en 49.827 euros-, e da reparación do Camiño de Mundín, tamén en Perlío, cuxo prezo de execución está orzamentado en cerca de 112.400 euros. Ambas obras están sufragadas con fondos do POS+ da Deputación da Coruña.

O proxecto de maior importe -o do Camiño de Mundín- deseñouse co obxectivo de arranxar este eixo interior do rural de Perlío, aproveitando a obra para mellorar a seguridade peonil. E é que ademais de aglomerar algo máis de medio quilómetro de pista, o Concello tamén dotará a zona dun sobreancho acondicionado para viandantes que levará soterradas as canalizacións das augas de escorrentía.

Aínda que a parte máis visible será a do novo firme -moito máis regular e adherente- e a do sendeiro peonil situado nunha das marxes, boa parte do orzamento dedicarase precisamente ao que non se ve, é dicir, ás infraestruturas que irán baixo terra, para as que se requirirá abrir unha longa gabia, instalar tubaxes e rexistros, encher o oco con material de afirmado e incluso facer un pequeno muro de contención nun dos segmentos do trazado.

A contía total do investimento sitúase nos 112.394,78 euros, aínda que esta cifra seguramente se vexa sensiblemente reducida na proposta económica da licitadora que finalmente se faga co contrato.

Accesos ao campo de Perlío
Outra das obras que acaba de entrar na fase de valoración das ofertas presentadas é a correspondente a un dos accesos principais do campo de fútbol dos Pinares, en Perlío. O Concello planificou os traballos nos tres tramos que presentan os maiores desperfectos e cuxo arranxo leva tempo sendo demandado tanto pola veciñanza como polo club e persoas usuarias das instalacións deportivas.

Así, tal e como reflicten os planos, aglomeraranse os 100 metros de pista que bordean os Pinares pola súa parte frontal e desde alí continuarase ao longo doutros 365 metros polo Camiño do Castro até o núcleo dos Carballás, xa en Barallobre. Finalmente tamén se botará unha nova capa de rodadura no Camiño de Loira (160m).

Ao tramo que queda entre os Carballás e o Camiño de Loira faráselle unha limpeza das beiravías. O Concello agarda poder reparalo máis adiante deseñando un proxecto específico, posto que neste momento, por razón de custes, o Executivo local optou por priorizar a mellora dos tramos coincidentes con zonas habitadas.

O proxecto do acceso sur ao campo dos Pinares está orzamentado en 49.827,65 euros, ive incluído. Estímase que a adxudicación tanto desta intervención como a do Camiño de Mundín poida resolverse nas próximas semanas, coas miras postas en que o inicio de ambas obras coincida co comezo do verán.